
Campionatos Galegos
Historia
| Indice do artigo |
|---|
| Historia dos Campionatos Galegos |
| Federación Galega de Clubs de Fútbol |
| Equipos do noso País |
| Todas as páxinas |
Os Campionatos Galegos existiron dende 1905 até 1939/40. Nel participaban os clubs galegos federados (dende 1914, porque antes bastaba con que estivesen legalizados). Até 1919 o campionato tiña unha única categoría. En 1920 foi creada a Serie B (co cal, a categoría única de antes pasou a chamarse por lóxica Serie A) e en 1923 creouse a Serie C.
Entre elas había ascensos e descensos con toda normalidade, como hoxe entre 1ª, 2ª, 2ª B, 3ª etc. da liga española, pero as tres series eran en conxunto o Campionato Galego, igual que o Campionato de Liga español ten categorías estatais (1ª, 2ª, 2ª B e 3ª) e categorías autonómicas (no caso de Galiza temos a Preferente Autonómica e logo 1ª, 2ª e 3ª autonómicas) e todas elas forman o campionato ligueiro español.
O Campionato Galego celebrou a súa derradeira edición en 1939/40. Isto aconteceu igual no resto dos campionatos rexionais españois, agás co canario. O motivo da desaparición destes campionatos rexionais (o galego incluído) foi que a RFEF os considerou caducos, anacrónicos e mesmo faltos de interese para clubs e afeccionados. Cremos foi unha decisión absurda, pero foi a decisión tomada pola RFEF en 1940.
Efectivamente, outra das razóns polas que foron suprimidos os campionatos rexionais é que a competición ligueira e copeira tiñan cada vez calendarios máis extensos, e os clubs estarían moi saturados, e en terceiro lugar, houbo razóns políticas: O réxime fascista saído da guerra civil non vía de bo grado competicións "autónomas", dada a súa mentalidade centralista e unificadora, pensamos que esta foi unha das razóns mais importantes para a súa desaparición.
Os Campionatos Galegos comezaron en 1905 pero sen un vencedor, xa que na final disputada entre o Vigo F.C. e o Fortuna F.C., non chegou a proclamarse campión ningún dos dous. Isto foi debido a que na final o Vigo F.C. impugnou a vitoria do Fortuna F.C. por 1-0, debido a que o gol fortunista foi marcado coa man e concedido polo árbitro.
O xurado decretou ao día seguinte a anulación do partido e a súa repetición para o 19 de outubro mais o Fortuna F.C. non se presentou. Este club reclamou, pola súa banda, que non compareceu tampouco o notario do xurado para levantar acta, polo que non se chegou a xogar a final e o torneo quedou sen adxudicar un campión. Na tempada seguinte, 1906, foi onde sairía o primeiro campión, o Fortuna F.C. de Vigo.
A edición de 1915/16 non se disputou por xurdir conflitos entre os clubs. O Real Fortuna F.C. auto proclamouse campión galego mentres que outros equipos xogaron o denominado "Campeonato del Honor", en cuxa final o Real Vigo Sporting Club venceu ao Deportivo Auténtico F.C..
En 1917/18 resultou vencedor o Real Fortuna F.C. pero a F.G.C.F. decretou nunha Asemblea Extraordinaria celebrada o 15-11-1919 (revisión da verificada o 26-12-1918 e anulada polo Goberno Civil de Pontevedra tras reclamación do propio Real Fortuna F.C.) a descalificación do club vigués por actuar cunha denominación non rexistrada, "Real Club Fortuna".
Pese a ser subcampión o Deportivo Auténtico F.C. a F.G.C.F. lle concedeu o título ao Real Vigo Sporting ao non estar rexistrado tampouco ese equipo herculino naquela tempada con tal nome, era unha escisión do R.C.D. de La Coruña, producida en 1914, pero non fora rexistrada.
Nesa Asemblea de novembro de 1919, asemade, foi anulado oficialmente o título de campión de 1915/16 que se auto adxudicara o Real Fortuna F.C., xa que nesa temporada non chegou a celebrarse o correspondente campionato oficial.
En 1919/20 naceu a Serie B e en 1922/23 a Serie C do Campionato Galego. Ámbalas categorías desapareceron en 1936.
Na tempada 1934/35 non actuaron na Serie A Club Celta, C.D. de La Coruña e Racing Ferrol F.C. ao encadrarse nun torneo de carácter superrexional, o Campionato Galaico-Asturiano (que foi un dos mancomunados en que se transformaron os antigos campionatos rexionais durante a década de 1931-40). Os equipos galegos e asturianos xogaron o Campionato Superrexional Astur-Galego, mais non se chegou a concluír por problemas políticos en Asturias. Este acabou paralizándose e, finalmente, suspendéndose por motivos políticos para derivar desagregado en dous torneos: un galego e outro asturiano, sendo Club Celta e Oviedo F.C. os vencedores respectivos, pero oficialmente este non foi o Campionato Galego, xa que era o sector galego do Superrexional.
Asemade, un campionato de "segundo nivel" gañado polo Unión Sporting C. de Lavadores foi xogado baixo o nome de "Campionato de Galicia".
Na tempada 1935/36 os equipos galegos xogaron o Campionato Superrexional Astur-Galego xunto aos conxuntos asturianos. Un equipo de Asturias, o Oviedo F.C., resultou vencedor. Por parte galega participarón o Club Celta, C.D. de La Coruña e Unión Sporting Club.
O Unión Sporting C. de Lavadores e S. Cult. Fca. Lemos C. de Monforte foron, respectivamente, campións da Serie A do Campionato Galego en 1934/35 e 1935/36. O Celta, como queda dito, foi campión do torneo galego de 1934/35 pero dunha competición diferente: o Campionato Superrexional Galaico-Asturiano.
Copa Galicia e Copa Federación Galega de Fútbol (FGF), que sendo torneos diferentes, xogáronse en anos dispares; e nos que participaban equipos moi variados.
A Copa Galicia foi un torneo que organizaba a FGF cando había datas libres no calendario entre abril e xuño normalmente, polo cal non se celebraba en moitas ocasións.
Xogouse por primeira vez na tempada 1935/36, proclamándose campión o Eiriña de Pontevedra na final xogada contra o Deportivo de La Coruña.
Logo volvería na tempada 1943/44 gañándoa a S.G. Lucense. Así durante anos dispares. Outros campións foron en 1945/46 R.C.D. de La Coruña, 1949/50 C.D.Juvenil, 1952/53 Arosa S.C., 1958/59 Coruxo F.C., 1963/64 C.D.Lemos, 1968/69 C.F.Bergantiños, 1982/83 S.D.C. Galicia Mehá, 1984/85 C.F.Bergantiños, 1987/88 Meirás C.F.
A Copa FGF disputouse con ese nome tan só unha vez: en 1946/47, e gañouna o C. Ferrol (actualmente, Racing C. Ferrol).
