logoCabeceira2g
first
  
last
 
 
start
stop
Museo Xogadores Históricos

Aqui falaremos de grandes xogadores que vestiron e defenderon a camisola celeste con orgullo e paixón.-  Comezaremos con:

Polo, Vega, Pasarín, Emilio Ruiz, Balbino Clemente, Lilo, Nolete, Venancio, Cabiño...
_______________________________________________________________________________________

Polo

Polo14Polo foi un dos grandes goleadores da historia do Celta, formaría parte do club vigués dende a súa fundación ata 1935, quedándose ás portas do primeiro ascenso do Celta. Foi un dianteiro incisivo na década dos anos 20 e 30, foi tamén un entusiasta defensor das cores celestes.

Ramón Polo Pardo naceu o 13 de abril de 1901 en Corcubión (A Coruña). Polo viña xogando ao fútbol no Fortuna de Vigo e entrou a formar parte do Celta coa fusión do Vigo Sporting e o Fortuna. Dende os primeiros anos de existencia do club, Polo converteuse nun dos seus primeiros grandes goleadores, conseguindo os campionatos galegos de 1923/24, 1924/25 e 1925/26.

Antes do nacemento do Celta, Polo xogaria o primeiro partido da historia da Selección Galega de fútbol. O 19 de novembro de 1922, no seu primeiro partido oficial, a Selección Galega de fútbol gañaba 4-1 a Castela no campo vigués de Coia. Xogaron por Galiza: Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Balbino, Hermida, Moncho, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla.

A tempada 1927/28, Polo volve conquistar o Campionato Galego co Celta. En 1928 inaugurábase o Estadio de Balaídos, e como anécdota, recordarase sempre que o primeiro tiro ao pau no novo estadio foi obra de Polo. No encontro de inauguración do estadio, Polo anotou dous goles ante o Real Unión de Irún.

Polo06A partir de 1929, comézase a disputar a Liga española, e o Celta comeza en Segunda División. Na tempada 1929/30, Polo anotaría 4 goles na Liga.

Polo11A tempada 1930/31, o equipo xoga en Terceira saíndo campión e retornando a Segunda. Na Liga de Terceira División, o Celta non puido contar co concurso de Polo, lesionado, como consecuencia dun encontronazo co medio centro Esparza, no transcurso do partido do Campionato Galego contra o Deportivo de La Coruña.

Na tempada 1931/32, Polo anotou 6 goles en Segunda División, e na seguinte, 1932/33, chegaría a marcar 4. Durante a disputa da Liga, tamén se seguía xogando o Campionato Galego, que o Celta volveu gañar en varias ocasións. A tempada 1933/34, penúltima de Polo como fútbolista, anotou 4 goles en Segunda División.

Polo deixaría o fútbol tras terminar a tempada 1934/35, na que anotou 5 goles entre Liga e a fase de promoción, quedándose ás portas do ascenso a Primeira que se producía ao ano seguinte.

Xogou no Celta 11 tempadas, dende a 1923/24 ata a 1934/35. Ca Seleción Galega disputou 15 partidos sendo o máximo goleador da história con 8 tantos.
_______________________________________________________________________________________

 

Vega

Vega01José Vega Lago, naceu en Vigo, o 4 de outubro de 1904, e faleceu o 30 de xaneiro de 1981 na mesma cidade que o vira nacer. Pepe Vega era o capitán do Real Club Celta de Vigo no ano que o equipo vigués conseguiu o seu primeiro ascenso a Primeira División. Vega comezou a xogar como centrocampista nas categorías inferiores do Celta, para pasar ao primeiro equipo en 1926.

Na tempada 1927/28 o Celta recupera o título galego proclamándose Vega por primeira vez campión. A Liga nace na tempada 1928/29, e o Celta comezaría na Segunda División con Vega no cadro céltico.

O 30 de decembro de 1928, Vega tería a honra de xogar o partido de inauguración do Estadio de Balaídos fronte ao Real Unión de Irún. As seguintes tempadas o equipo mantívose na Segunda División. Vega foi sempre un dos mellores do centro do campo céltico.

A tempada 1934/35 o equipo queda as portas do ascenso, pero non pode conseguilo na fase de promoción. Pero a gran tempada de Vega, será a súa última en activo, 1935/36  o ano do ascenso a Primeira.

Vega04 Por fin, a súa entrega e titánico esforzo, vese premiado co ascenso a Primeira División. O esforzo duns xogadores capitaneados por Pepe Vega e dirixidos por Ricardo Comesaña, levan ao equipo a saír campión.

Os días posteriores ao ascenso foron de continuas homenaxes. Con todo, a alegría non ía durar moito, pois case tres meses despois iniciouse a Guerra Civil Española, que paralizaría durante tres anos todas as competicións deportivas, atrasando o debut do Celta en Primeira. A guerra terminou tamén coa carreira de Pepe Vega, que xa non debutaría co Celta na elite do fútbol.

O día 5 de xullo de 1936, Vega recibía o seu merecido homenaxe en Balaídos. O Celta se enfrontaría a unha selección de xogadores, gañando estes últimos por 4-1. Vega recibiu o calor da grada, os cales souberon apreciar a súa traxectoria defendendo os colores do Celta.

Xogou no Celta dende a tempada 1925/26 ata a 1935/36.
_______________________________________________________________________________________

Pasarín

Pasarin01Chegou ao Vigo Sporting procedente do Atlético de Pontevedra, e de aí ao R.C.Celta no momento da fusión do Vigo e do Fortuna. Luís Casas Pasarín, naceu na cidade do Lérez o 16 de abril de 1902. Faleceu o 17 de agosto de 1986.

En 1923, coa fusión do a ambos os equipos no nacemento do Real Club Celta de Vigo, Pasarín entraba a formar parte do novo club, do que sería un dos primeiros capitáns. Pasarín era un defensa esquerdo con aspecto de torreón. O seu corpachón non favorecía os desprazamentos rápidos, pero dispuña dun sentido innato da colocación que parecía absorber os pases do inimigo.

Pasarín tivo a honra de disputar o primeiro campionato oficial que disputou o Celta, o Campionato Galego que gañaría o club en decembro de 1923. Tamén xogaría Pasarín o primeiro partido do Celta na Copa de España, o 23 de marzo de 1924 contra o Athletic de Bilbao en Coia. As tempadas seguintes 1924/25 e 1925/26 Pasarín volvía gañar o Campionato Galego co Celta.

A tempada 1927/28 Pasarín e o Celta recuperaban o titulo galego. O 30 de decembro de 1928, Luís Pasarín, disputaba co Celta, fronte ao Real Unión de Irún o partido de inauguración do Estadio de Balaidos.

Cabezo_Lilo_PasarinNa tempada 1928/29, aparece un novo torneo, a Liga española, na que o Celta comezaría na Segunda División. Pasarín disputaría 10 encontros. A seguinte campaña o Celta non participaría en competición ligueira tras atravesar unha crise deportiva. Pasarín foi tentado polo Valencia e a directiva non puido igualar a oferta que lle ofrecían os "chés" e o xogador foise a terras levantinas. O seu mellor ano en Valencia foi en 1934, xogando a Final de Copa, con Torregaray á dereita (o dúo recibía o honroso apelativo de 'As Columnas de Hércules').

PasarinCoa perda de facultades gañou en marrullerías de veterano. Mantiña un punto de orgullo e non soportaba os desplantes con paciencia, ata o punto de ser o xogador do Valencia máis expulsado ma década dos anos 30. Durante un bo tempo lanzou os golpes francos, e en certa ocasión moveu a portería, por entón non moi cimentada, ao estrelar un balón no traveseiro.

Ao recibir a baixa incorporouse ao Ministerio de Traballo como funcionario, pero a afección púidolle máis e acabou xogando no Nacional de Madrid.

Tras a guerra sacouse o título de adestrador e atopouse de seleccionador nacional en 1946. Adestraría despois a Valencia, Málaga, Oviedo, e volvería a Vigo para adestrar ao R.C. Celta nas tempadas 1957/58 e 1958/59, esta última non acabaría terminándoa.

Xogou no Celta dende a tempada 1923/24 ata a 1927/28.
_______________________________________________________________________________________

 

Emilio Ruiz

Ruiz_Leon_BouzasRuiz, que era chamado cariñosamente polos afeccionados "O león de Bouzas", o dera todo no Real Club Fortuna, e por mor da fuga de Isidro Rodriguez ao Deportivo, ocupou a portería celeste. O posto de porteiro, por entón non estaba debidamente cuberto no equipo céltico, e Ruiz brindouse de forma desinteresada a defender as cores do R.C.Celta. Ruiz non estivo moito tempo nas filas célticas, xa que pronto se afianzaría Lilo no posto.

Emilio Ruiz, naceu no barrio vigués de Bouzas, foi un dos primeiros gardametas que defendeu a portería do Real Club Celta de Vigo.

Emilio Ruiz, tería tempo con todo, de proclamarse campión galego co R.C.Celta na tempada 1924/25, xogando o partido que o equipo vigués gañou ao Deportivo por 3-0 en Coia o 8 de xaneiro de 1925, e no que "O león de Bouzas" parou un penalti.

A principios da tempada 1925/26, concretamente o 5 de xullo de 1925, a afección viguesa soubo recoñecer, o belo xesto que tivera Ruiz ao defender a camisola celeste nos difíciles momentos en que o fixo. A homenaxe tributóuselle no campo de Coia no transcurso dunha partida fronte ao Racing de Madrid, ao que o Celta bateu por tres goles a cero con tantos de Chicha.

07_07_1925_PG_Homenaxe_Emilio_Ruiz"O León de Bouzas" recibiu no descanso do partido un coche "Citroen", agasallo da afección viguesa. O protagonista da homenaxe, non puido ocultar a súa emoción, dando unha volta ao campo montado no coche, mentres os espectadores aclamábanlle.

Ademais deste agasallo, Ruiz recibiu, de mans do chanceler do consulado de Uruguai en Vigo, un reloxo con cadea de ouro, obsequio dos galegos residentes en América, en tanto que un grupo de señoritas, facíanlle tamén entrega dun ramo de flores e unha artística carteira que fora comprada por subscrición popular. Emilio Ruiz, un dos primeiros gardametas do Celta, e todo un exemplo de celtismo.

Xogou non Celta dende a tempada 1923/24 ata a 1924/25.
_______________________________________________________________________________________

 

Balbino

Balbino_Clemente02Balbino Clemente, un dos primeiros internacionais que tivo o Real Club Celta de Vigo, comezou a xogar ao fútbol como centrocampista no Fortuna de Vigo cando corría o ano 1915. Balbino Clemente García, naceu en Vedra (A Coruña) el 6 de septiembre de 1896.

BalbinoEn 1917, o presidente do Betis decidiu iniciar unha serie de contratacións para potenciar o equipo. Foron chegando homes como o defensa vigués Barzallana, Canda, Artola, e Balbino Clemente, medio centro do Fortuna de Vigo. Balbino estivo unha tempada no Betis, para pasar a xogar co Sevilla a tempada 1918/19. O ano 1919 regresou a Galiza para volver ao Fortuna.

En agosto de 1923 fusiónanse Fortuna e Vigo Sporting para que naza o Real Club Celta de Vigo, e Balbino entra a formar parte do primeiro equipo do Celta, converténdose nun dos máis importantes xogadores dos primeiros anos de vida do club vigués. Balbino xogaría co Celta ata o ano 1927, logrando durante tres anos consecutivos o campionato de Galiza.

Balbino, tiña un irmán chamado Juanito Clemente. Ambos pasaron do Fortuna ao Celta, e ambos estiveron xogando as mesmas tempadas xuntos, xa que cando deixaron o Celta, foi o finalizar a tempada 1925/26.

O 19 de novembro de 1922 a selección galega de fútbol xoga o primeiro partido da súa historia. Gañáballe 4-1 a Castela no campo vigués de Coia. Nesa selección estaba Balbino clemente.

O 9 de xuño de 1940, o Celta rendialle unha merecida homenaxe no estadio de Balaídos. O partido  non podia ser outro que os Veteranos do Celta e o R.C.Celta, vencendo estes últimos 4-3.

Xogou non Celta dende a tempada 1923/24 ata a 1926/27.
_______________________________________________________________________________________

 

Lilo

Lilo02Un dos artífices do primeiro ascenso do Celta a Primeira División, na tempada 1935/36. Foi a súa última tempada, pois despois chegou a guerra civil e deixou o fútbol. 12 anos seguido votou no Celta, un dos grandes entre os grandes.

Lilo01Manuel Rodríguez Pazó, "Lilo", foi un dos grandes gardametas que tivo o Celta nos anos trinta. E un dos mellores de toda a historia, xunto aos Simón, Padrón e Maté.

Lilo, unha lenda do noso fútbol, comezou a pegarlle ao balón no Germania, un equipo da barriada viguesa do Couto, como defensa dereito.

No transcurso dun partido lesionouse o porteiro e el pasou a ocupar o seu posto, onde demostrou unhas grandes cualidades baixo os paus. Tanto é así que ata lle gustou e como porteiro fichou polo Ciosvín, onde se habería de proclamar campión de España.

Alto, fornido e con mans de aceiro, habería de dar moitos triunfos ao Celta ata alcanzar aquel anhelado ascenso, logo de moitos atropelos e inxustizas por parte da Federación Española de Fútbol.

Xogou non Celta dende a tempada 1923/24 ata a 1935/36.
__________________________________________________________________________________

 

Nolete

Nolete01NoleteManuel Copena Araújo, "Nolete". Naceu en Gondomar, o 22 de novembro de 1911. Faleceu en 1987.  Nolete exerceu de profesor en Gondomar. Despois de retirarse foi alcalde de Baiona, desde 1965 até 1972. Xogou 113 partidos vestindo a camisola do Celta e marcou 96 goles.

Nolete chega ao Celta na tempada 1932/33, procedente do Eiriña de Pontevedra. Na tempada 1935/36 marca 32 goles, 19 en liga e 13 na promoción. Esta tempada o Celta ascende a Primeira. No primeiro partido do Celta en Primeira, contra o Zaragoza, Nolete marca os 2 goles do equipo pero son insuficientes para evitar a derrota por 3-2.

Foi o home dos goles decisivos. Na fase de promoción do Ascenso en 1936, fronte ao Coruña na promoción de 1940 e foi tamén autor do gol que evitou o descenso do Celta á tempada seguinte ante o Zaragoza. E como non, foi o autor do primeiro tanto celeste en Primeira División.

Uns anos antes de morrer, Nolete recordaba en Faro de Vigo os seus anos no Celta, club polo que sentía un enorme agarimo e que nunca quixo abandonar a pesar das suculentas ofertas que recibiu: "Cheguei a probar ata polo Real Madrid cunha ficha moi importante. Pero eu quería a miña Galiza, quería ao meu Celta. Xa podían ofrecerme todo o ouro do mundo que eu nunca me iría da miña terriña", recordaba Nolete o 17 de febreiro de 1985.

Nolete_fillaO forte de Nolete eran os remates de cabeza. A súa elevada estatura permitíalle adiantarse  as accións dos defensas. Con todo, el sempre dixo que tamén marcaba goles co pé. "Nun partido contra o Sporting cheguei a meter un gol de forte "chut" dende o centro do campo. Nin eu mesmo críamo. Nunha ocasión Lángara chegoume a dicir, "Nolete, tes o "chute" máis forte que o meu".

O ano do ascenso en 1936, estivo o Celta a piques de vendelo por problemas económicos. "Os xogadores, entón, renunciamos a cobrar o que nos debían. Non fixen diñeiro. Ata cando a miña nai mataba o porco, viñan os meus compañeiros do equipo a comer a casa".

"Aqueles tempos non son os de agora. Xogabamos por auténtico amor a un club". Este foi o recordo de Nolete que chegou a exercer a súa carreira de Maxisterio, en Gondomar e tamén foi alcalde durante case oito anos en Baiona. Como última anécdota dicir de Nolete, que nunha ocasión en un encontro fronte ao Valencia deixou de anotar un gol importante por atender a un rival lesionado. Todo un detalle de señoría, pola súa banda.

Xogou non Celta dende a tempada 1932/33 ata a 1942/43
_______________________________________________________________________________________

 

Venancio

Venancio03Venancio González Iglesias, ao que os amigos e afeccionados chamaban cariñosamente "Capitán Veneno". Naceu o 8 de decembro de 1914 en Ribadavia e comezou a xogar no equipo titular da capital do Ribeiro aos 15 anos, para seguidamente enrolarse nas filas do Ourense. En 1933 cando só contaba con 19 anos, ficha polo Celta, cuxos colores defendeu por espazo de doce tempadas, ata a 1947/48 inclusive.

Xogou un total de 162 encontros oficiais (99 en Primeira, 49 en Segunda e 14 de Promoción)., conseguindo 9 goles. Pero Venancio non destacaba pola súa faceta goleadora. Era un extremo dereita á antiga usanza, moi rápido e vertical que gañaba con facilidade a liña de fondo e poñía uns milimétricos centros para que compañeiros da talla de Nolete, Pahiño ou Hermidita os remachasen ao fondo da rede.Venancio é pura lenda do Celta, un dos "inmortais" do club. Formou parte do equipo que ascendeu por primeira vez á División de Honra en 1936 e tamén xogou catro partidos, os últimos da súa carreira futbolística, naquel equipo de 1948 que conseguiu disputar a Final de Copa contra o Sevilla en Chamartín.

Venancio02Venancio04Viviu, por así dicilo, os dous momentos máis brillantes e históricos do club vigués ata ese momento, á marxe de estar presente nos actos que se celebraron en 1974, con motivo das vodas de ouro.

O foi todo no Celta: socio, xogador, capitán e directivo. Un líder para os seus compañeiros de antes e logo dos chamados "tempos heroicos" e un exemplo de vontade e amor ao club para os xogadores que foron renovando paulatinamente o equipo.

Venancio, xogador temperamental, foi un gran extremo dereito, preocupado máis de servir aos seus compañeiros que de buscar o lucimento persoal. foi igualmente un capitán modelo, polas súas voces de alento aos compañeiros e pola enérxica corrección con que se empregaba ante os árbitros canto o Celta era prexudicado polas súas decisións.

O alcume de "Capitán Veneno" llo puxeron polo seu marcado temperamento. Unha maneira de ser causante de que non se enrugara por ningunha circunstancia; xa fora protestando aos arbitros (os seus grandes inimigos), arengando aos seus compañeiros ou encarándose co equipo rival. A lenda fala dunha anécdota que lle pasou nun derbi co Coruña e que mostra ben ás claras o temperamento do extremo galego. Venancio, que era o capitán do equipo, foi expulsado no partido pero negouse a abandonar aos seus compañeiros. Ao final tiveron que sacalo do campo pola forza.

Venancio é sen dúbida un dos homes máis importantes na historia deste equipo. Foi o primeiro gran capitán, un home sacrificado polo ben do equipo antes do seu lucimiento personal, un home que renunciou a xogar en clubs máis grandes polo incondicional cariño que profesaba a este equipo, un home que continuou ligado ao Celta tras rematar a súa carreira, en resumo, un home que os celtistas non podemos esquecer porque forma parte da nosa historia.

Xogou no Celta dende a tempada 1933/34 ata a 1947/48.
__________________________________________________________________________________

 

Cabiño

Cabinho02Cabinho03Camilo de Cabo Fernández, Cabiño, naceu en Monforte de Lemos (Lugo), o 29 de marzo de 1925. Faleceu aos 86 anos de idade a finais do mes de febreiro de 2009. Cabiño, defendeu a zamarra celeste nas décadas dos corenta e os cincuenta e foi un dos protagonistas da Final da Copa do Rei que o conxunto vigués perdeu ante o Sevilla en 1948 no desaparecido estadio de Chamartín.

Monfortino de orixe, Cabiño incorporouse ao equipo celeste na histórica campaña 1947/48 na que o Celta xogou a súa primeira final de Copa e obtivo a cuarta praza na Liga, un logro tan só igualado na tempada 2003/04, coa conquista dunha praza na Champions League. Defensa central contundente e de excelente condición técnica, Cabiño formou na época dourada do Celta de finais dos corenta, un excepcional dúo con Pepe Mesa, e posteriormente con Salas e Lolín.

O seu primeiro partido co Celta disputouno en Valencia, o 21 de decembro de 1947, e aínda que non debutou con bo pé, pois o equipo vigués perdeu 7-1, este sería tan só o primeiro dos moitos partidos que ía disputar baixo a disciplina celeste ata a tempada 1951/52.

Cabinho01Neste período formou parte de varios dos mellores equipos que deu o club ao longo da súa historia. Tivo como adestradores a Ricardo Zamora e Pasarín e compartiu protagonismo no campo con futbolistas tan relevantes no Celta como Hermidita, Pahiño, Miguel Muñoz ou Pepe Villar.

Son famosas as súas declaracións tras a Final do Copa de 1948, que o Celta acabou con sete xogadores de campo logo de xogar esa mesma semana unha extenuante eliminatoria de catro encontros co Español. "A aquela final chegamos desfeitos e rematamos demacrados. En Chamartin pasou de todo. Cando rematou o encontro, os oito que quedamos sobre o céspede pareciamos vellas. Perderamos cinco quilos cada un".

Xogou non Celta un total de 56 partidos de Liga, dende a tempada 1947/48 ata a 1949/50 e tamén na tempada 1951/52.
__________________________________________________________________________________

 

Deva

Próximamente...

Debes rexistrarte para postear mensaxes

ATÓPANOS EN

Historia do Celta en --}   Twitter  Facebook

Taberna do Celta en --}   Twitter Facebook

first
  
last
 
 
start
stop