logoCabeceira2g
first
  
last
 
 
start
stop
R.C.Celta Celta B Historia

O Real Club Celta B é o equipo filial do Real Club Celta de Vigo, afiliado ao club vigués dende a tempada 1989/90. O seu terreo de xogo e o Campo Municipal de Barreiro, inaugurado en 1965 e con capacidade para 4.500 siareiros. Xogou una soa vez a liguiña de clasificación a Segunda División, na tempada 2003/04. Actualmente xoga no Grupo I da Terceira División.

Nome: Real Club Celta de Vigo B

Fundación: 1927

Afiliado ao R.C.Celta: 1989

Cidade: Vigo

Campo: Municipal de Barreiro

País: Galiza (Estado Español).

 

Historial do Celta B dende 1989

Tempadas en 2ªB: 14

Tempadas en 3ª: 10

Debut en Segunda División B: 1992/93

Mellor posto na Liga: 3º (Segunda División B, tempada 2003/04)

Peor posto na Liga: 20º (Segunda División B, tempada 1993/94 e 2011/12)

Titulos: 1 Copa Federación 2002, 3 Ligas Terceira (1957/58, 1999/00 e 2001/02).


Copa Federación: A Copa Real Federación Española de Fútbol, tamén coñecida como Copa Federación, é unha competición de fútbol disputada anualmente polos clubs da Segunda División B, Terceira e as diversas categorías do fútbol feminino en España, que non accedesen pola súa posición a disputar a Copa do Rei ou que quedasen eliminados na primeira rolda.

Xógase mediante eliminatorias a dobre partido, incluíndo a final. Dispútase en dúas fases, unha primeira de carácter autonómico, e unha segunda, a nivel nacional, na que participan os vencedores de cada comunidade autónoma máis o vencedor da tempada anterior.

A competición foi creada en 1945 e unicamente disputáronse cinco edicións até 1953 con finais a partido único, momento no que deixou de disputarse. Foi restaurada en 1993 pola Real Federación Española de Fútbol.


Cambios de Nome:

Sporting Club Turista (1927-1941)

Club Deportivo Turista (1941-1946)

Turista Sociedad Cultural (1946-57)

Club Turista (1957-1989)

Club Celta Turista (1989-1995)

Real Club Celta de Vigo, S.A.D. "B" (1995)

 

História

A historia do filial celtiña é bastante complicada e para empezar a comprendela hai que coñecer a idiosincrasia do fútbol na cidade de Vigo. Dende que en 1923 os clubs Real Vigo Sporting e Real Fortuna F.C. deran orixe ao actual Real Club Celta de Vigo, sempre precisouse dun club filial dende o cal poder nutrirse de novos valores para o primeiro equipo. Este papel representárono varios clubs durante máis de setenta anos, alternándose por orde cronolóxica.

 

Club Vigués (Club Berbés)

Club_Berbes

 

O primeiro deles foi o Club Vigués, unha sociedade nada en 1923 como Vigués F.C. que tras a guerra converteuse en filial do conxunto olívico reunindo aos xogadores máis distinguidos que xogaban no campionato local da liga de Modestos. Co seu ascenso e debut en Terceira División durante a campaña 1943/44, trocou o seu nome a Club Berbés en honra ao popular barrio mariñeiro, praza que mantivo até a tempada 1949/50.

 

 

 

Club Celta Berbés

Nese ano, co seu descenso a Rexional, establece un convenio de filiación co Real Club Celta e pasa a denominarse Club Celta Berbés, disputando os seus encontros no vello estadio de Fontán, sempre en Rexional.

 

Club Gran Peña (Club Gran Peña Celtista)

Club_Gran_Penha

En 1971, este convenio de filiación desaparece e o Real Club Celta de Vigo busca un novo club que manteña as funcións desenvolvidas polo anterior, atopando o sucesor no Club Gran Peña, sociedade nada en xuño de 1926.

Gran_Penha_Celtista

O novo filial recibe a partir de entón o nome de Club Gran Peña Celtista e desenvolve a súa vida deportiva no estadio de Barreiro, conseguindo militar durante nove tempadas, dende a campaña 1977/78 á 1985/86 en Terceira División.

En 1989 a directiva do tradicional Club Gran Peña decide independizarse e volver ás súas raíces desvinculándose dos celtistas e pasando a denominarse dende entón Gran Pena F.C.

 

Club Turista (Club Celta Turista)

1927

Con este cambio, o Real Club Celta de Vigo pensa nun novo sucesor e pon o punto de tiro no Club Turista, nacido en 1927 como Sporting Club Turista e que nese preciso ano, 1989, acaba de ascender a Terceira División.

Como todo o relacionado co Celta, terá un toque do club celeste, pasando a denominarse Club Celta Turista.

1941

Con este nome durará varias tempadas sen verse afectado pola sentenza da F.I.F.A. que obriga a todos os filiais a integrarse na organigrama do club principal dado que o Club Celta Turista actúa pero non é filial dependente do Real Club Celta de Vigo.

En 1995 a entidade turista intégrase definitivamente na estrutura celtista e desaparece como club, pasando a denominarse Real Club Celta de Vigo, S.A.D. "B" e sendo un equipo máis do armazón vigués.

 

Comenzos

Deportivamente empezaremos na orixe. O Sporting Club Turista foi fundado en 1927 grazas a unha escisión promovida dentro do seo da Gran Peña F.C. polos señores Domingo García e Eduardo Pestony, iniciando a súa carreira deportiva fronte a outros clubs vigueses e mantendo unha gran actividade nos anos trinta no Campionato de Modestos ata que a Guerra Civil, como outros tantos, truncou a súa carreira.

En 1939 reorganízase rapidamente e en 1941 coa nova Lei que prohibe o emprego de estranxeirismos pasa a denominarse Club Deportivo Turista, popularmente coñecido como Club Turista, alternando a Primeira e Segunda Categoría ata que na campaña 1943/44 consegue o ascenso a Terceira División tras a ampliación que sofre esta.

Na categoría de bronce mantense durante tres tempadas, dende a 1944/45 á 1946/47 na que descende a Primeira Categoría coincidindo cun novo cambio de nome, nesta ocasión a Turista Sociedade Cultural.

Na tempada 1952/53 ascende de novo a Terceira División, nesta ocasión con máis fortuna, pois consegue establecerse como un histórico até 1970, fóra da tempada 1968/69 que o fai en Rexional. Nestes anos ten varios altibaixos, sendo de destacar o subcampionato da edición 1955/56 co cal consegue disputar unha Fase de Ascenso a Segunda División. No grupo que se lle asigna queda último tras Burgos C.F., Real Avilés C.F., C.D. Ourense, U.D. Salamanca, Club Atlético Palentino, Club Langreano e Cultural e Deportiva Durango.

Na Tempada 1956/57 mellora o seu rendemento e sendo igualmente subcampión, disputa unha nova Fase de Ascenso, nesta ocasión con eliminatorias para enfrontarse a un conxunto de Segunda División. En primeiro lugar enfróntase ao Club Langreano, perdendo 1-0 en Sama e gañando 5-0 en Vigo. En segundo lugar faio co Club Atlético Zamora, vencendo 5-0 en casa e 1-2 na cidade do Douro. Isto permítelle chegar á Final co potente Club Ferrol, perdendo ámbolos dous encontros, 1-0 en Ferrol e 0-2 en casa.

Na campaña 1957/58 proclámase Campión de Terceira División denominándose Club Turista, pero na Promoción cae a primeira de cambio ante a U.D. El Entrego; 3-1 na Felguera e 1-2 en casa. Segundo quedará clasificado na edición 1958/59 e tampouco haberá sorte, pois o rival é a A.D. Rayo Vallecano con quen empata 2-2 en casa e cae derrotado por 6-1 en Madrid. As tempadas posteriores víveas nas primeiras prazas, case sempre con opción de chegar a máis, pero nos segundos anos sesenta vai a menos e acaba descendendo a Rexional ao termo da tempada 1967/68. Na campaña 1968/69 consegue retornar a Terceira División pero ante a inminente reestruturación que sofre a categoría non logra superar o corte que establece a RFEF, descendendo de novo a Rexional.

Nos anos setenta pasa á recentemente inaugurada Rexional Preferente dende a cal ascende novamente a Terceira División na campaña 1976/77, para pasar até 1980 no grupo galaico-astur-leonés. Na tempada 1980/81 créase o grupo galego de Terceira División e dende entón milita en este. As súas tempadas neste novo ciclo non son boas e sempre ocupa postos atrasados, fóra da campaña 1981/82. Ao final descende a Preferente na tempada 1985/86 sen pena nin gloria. Na edición 1988/89 consegue retornar a Terceira División, sendo no verán de 1989 cando inicie o mencionado convenio de filiación co Real Club Celta de Vigo.

1989_Celta_Turista

Sendo xa Club Celta Turista, emprende unha ascensión deportiva que o levará a Segunda B na tempada 1991/92. Nesta tempada é subcampión tras o Racing Club de Ferrol, gañando a Promoción por gol-average ao Zamora C.F., Real Madrid C.F. C e Club Hispano, de Castrillón.

O seu debut en Segunda B prodúcese na campaña 1992/93, conservando a categoría de forma apurada, feito que non sucede na seguinte edición 1993/94 na que queda último. En Terceira División novamente na tempada 1994/95 finalízaa terceiro, sendo superado na Promoción pola A.A.V.V. Santa Ana, de Madrid, mentres que Zamora C.F. e Club Siero son os pechacancelas.

1995

Na seguinte tempada, 1995/96, xa como Real Club Celta de Vigo B volve quedar terceiro, pero nesta ocasión si lidera o seu grupo de Promoción e consegue ascender a Segunda B dous anos despois da súa última estancia. Os seus rivais; Zamora C.F., con quen empata e derrota no gol-average particular, Rayo Majadahonda C.F. e C.D. Caudal.

A campaña 1996/97 en Segunda B é decepcionante e ocupa o decimonoveno posto sen posibilidades ao longo da tempada de salvarse. Dende Terceira División, na tempada 1997/98 espera o máis pronto posible recuperar praza en Segunda B, pero o ascenso farase de esperar. Nesa tempada queda terceiro no campionato local, pero na Promoción é terceiro tras C.D. Móstoles e Club Siero, sendo último o C.F. Palencia. Na edición 1998/99 será subcampión, caendo na Promoción ao ser terceiro tras Real Avila C.F. e Real Madrid C.F. C, mentres último é o Navia C.F. Na tempada 1999/00 proclámase Campión do seu grupo pero na Promoción de novo recibe un desgusto, agora é a Universidade de Oviedo C.F. quen lle precede. Detrás quedarán A.A.V.V. Santa Ana de Madrid e C.D. Bembibre.

Por fin e co cambio de século na campaña 2000/01 consegue o seu obxectivo ao quedar Campión de Terceira División e liderar a súa Promoción de forma absoluta, cedendo un só empate e adiantándose a C.D. Lealdade, C.D. Las Rozas e U.D. Salamanca B. Dende a tempada 2001/02 vén disputando o campionato de Segunda B, con resultados discretos entre os cales sobresae o titulo de Campión da Copa Federacións da RFEF que logrou o 6 de xuño de 2002 fronte ao Gavá, sendo adestrado o filial vigués por Milo Abelleira, e tendo no seu plantel xogadores como Roberto, Israel,  Oubiña, Jonathan Aspas, Isaac ou Jorge Rodríguez entre outros, e o magnífico terceiro posto da tempada 2003/04 que lle levou a participar na Fase de Ascenso a Segunda División. Nesta oportunidade quedou terceiro nun grupo que liderou a U.E. Lleida, seguida pola Cultural e Deportiva Leonesa, sendo última a U.D. Pájara Playas de Jandía. Na campaña 2008/09 realiza un bo torneo e queda quinto, a poucos puntos de pasar a disputar unha nova Promoción. Mentres tanto segue co seu labor de proporcionar xogadores con proxección ao primeiro equipo, sendo noveno na edición 2009/10.

CanteiraCabe destacar o enchente de xogadores que nas últimas tempadas están nutrindo o Celta de Vigo, a maioría saídos da canteira viguesa e algún outro chegado como nova promesa. Aquí destacaremos a  Dani Abalo, Roberto Lago, Iago Aspas, Hugo Mallo, Toni, Túñez, Yoel, Álex López ou Sergio entre outros.

E chegan pisando forte e pedindo paso, Jony, Mina, Mandinda, etc. así que coidemos destes cativos que serán o futuro da nosa entidade. E que eles coiden dos nosos valores, que ser galego (ou foráneo) e defender a camisola do Celta de Vigo, ten que ser mais que un orgullo para eles.  Tempadas Clasificacion CeltaB


Roberto, Luciano, Israel, Pablo, Santi Silvar, Ouviña, Jonathan, Isaac (Felipe, min. 91), Jorge Rodríguez, Jorge Fernández (Alberto, min. 89) y David Pérez (cap). Entrenador: Milo Abilleira.

Comentarios  

Data
Mar 17, 2011
Escrito Por
pedrocesar
0 Coido que nos anos 90 houbo unha especie de convenio co Arousa. Lembro que a sua segunda equipación eran as camisetas do Celta con escudo e todo...
Data
Mar 17, 2011
Escrito Por
verzas
0 Moi interesante o tema,a verdade é que nunca oíra falar do clube Berbés e tampouco sabía que o Celta tivera filial antes do Gran Peña
En relación ó que comenta o amigo "pedrocesar" si que houbo colaboración entre o Celta e o Areosa,pero creo que era para as categorias inferiores
Data
Set 27, 2011
Escrito Por
natizas
0 Bo día compañeiros fans do Celta. Preciso atopar arquivos do Celta B da temporada 81 se non me equivoco, o meu mozo estivo nesa temporad. En decembro está de aniversario e quero prepararlle un album de fotos con todo sobre a súa vida. Calqueira dato pódeme axudar para conseguir ese tipo de cousas, fotos arquivos de prensa . . . grazas.
Data
Set 27, 2011
Escrito Por
ialma / Admin-Web
0 Cito a natizas:
Bo día compañeiros fans do Celta. Preciso atopar arquivos do Celta B da temporada 81 se non me equivoco, o meu mozo estivo nesa temporad. En decembro está de aniversario e quero prepararlle un album de fotos con todo sobre a súa vida. Calqueira dato pódeme axudar para conseguir ese tipo de cousas, fotos arquivos de prensa . . . grazas.



Ola Natizas, mándanos un email, e falamos. Pero complicada a cousa, xa que do filial, canto mais atrás menos cousas temos. saúdos

Debes rexistrarte para postear mensaxes

ATÓPANOS EN

Historia do Celta en --}   Twitter  Facebook

Taberna do Celta en --}   Twitter Facebook

first
  
last
 
 
start
stop